Limiar…

Nos últimos meses comezamos a ouvir nas nosas facultades voces que falaban sobre a crise da universidade, a súa asfixia económica, as súas débedas, a súa falta de medios, etc. Voces que reflexionan sobre a transcendencia do momento que vivimos, sobre o caos da nosa situación e sobre a magnitude do asunto. Estudantes e docentes atopan moitas razóns para se preocuparen polos acontecementos que, a curto e medio prazo, veñen reestruturar profundamente a educación superior. Acontecementos que comezaron hai uns anos e que se presentan nesta nova fase dunha maneira moito máis ambiciosa, directa e radical.

Estas voces que ouvimos nas aulas, nos corredores ou nas cafetarías, refírense a esta ondada de cambios estruturais aglutinados baixo a etiqueta da chamada “Estratexia Universidade 2015”. Pero, que significa isto? Que é o que vai cambiar? Que é o que vai pasar?

“Estratexia Universidade 2015” é o nome que lle deu o goberno ao seu novo plan de reformas da educación superior e a investigación, que supón a segunda fase dos cambios que comezaron no 2010 co inicio da implantación efectiva do chamado Espazo Europeo de Educación Superior (EEES, máis coñecido como Plan Boloña) e que vai na liña de profundar o proceso de axuste da universidade ás novas demandas da economía, que foi desde o principio a esencia deste proxecto de suposta “modernización” ou, dito de outra forma, profundar na mercantilización e venda da universidade pública a prezo de saldo á grande banca e empresa. O nome do plan é o horizonte de aplicación destas reformas, é dicir, o ano 2015. Neste ano todas as licenciaturas desaparecerán para quedaren completamente transformadas polos graos.

As reformas afectan fundamentalmente a tres campos: gobernanza, autonomía universitaria e financiamento.

Por unha banda, proponse a reforma da estrutura de goberno das universidades sobre todo no que se refire á cadea e ao método de elección dos cargos (reitor, decano, etc.). A proposta consiste en colocar á fronte das universidades os “representantes do mercado” (empresarios sen vinculación académica dos grupos capitalistas de presión máis fortes) e que estes nomeen directamente e desde arriba o resto de cargos académicos de cada facultade ou escola universitaria. O obxectivo é que “a universidade debe garantir a docencia dun ensino de calidade, adaptado en todo momento ás necesidades sociais e, máis en concreto, ás diversas e cambiantes exixencias do mercado de traballo”, é dicir, ás necesidades das grandes empresas e as súas taxas de gaño.

Por outra banda, proponse unha desregulación ou liberalización do sector que permita a competencia entre as distintas universidades, que deixe o campo libre á diferenciación entre elas e a consecuente concentración de capital nunhas poucas en detrimento do resto. Asevérase que “en Europa hai unha falta de diferenciación entre universidades” de xeito que “a primeira actuación precisa en Europa é liberalizar as universidades nos contextos nacionais en que funcionan, creando un marco regulador menos pesado, co fin de liberar o seu potencial”.

Por último, poderemos distinguir dúas “vías” de obtención directa de recursos por parte das universidades que a EU2015 propón “flexibilizar”. Por un lado está o logro de financiamento privado mediante acordos con empresas e polo outro o cobro de taxas moito máis elevadas ao estudantado: “Adóitase incentivar cada vez máis as universidades para que incrementen os seus recursos mediante a apelación ao sector privado, por exemplo, en forma de doazóns e mecenado, acordos de cooperación con empresas, creación de empresas derivadas ou mesmo incrementando as taxas a pagar polos usuarios da universidade pública”.

Ante esta situación, desde a Liga Estudantil Galega queremos facer fincapé na gravidade destas (e outras moitas) medidas polo que, logo desta breve introdución, poremos á vosa disposición estes días unha serie de artigos diferenciados que pretenden servir como punto de partida para poder comprender en que consiste concretamente esta nova “estratexia universitaria”, que desenvolvemento pretende, cales son as súas causas, as súas medidas e os seus obxectivos. Non deixedes de lelos e difundilos porque, de non parar a inminente reforma, a universidade do futuro será algo moi alonxado do modelo máis beneficioso para amplas capas da sociedade.

Por partes:

 .

eu2015